EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O Plan Concertado de Prestacións Básicas de Servizos Sociais é un instrumento fundamental de cooperación entre os Concellos, a Xunta de Galiza e a Administración do Estado, por medio do cal se cofinancian os servizos sociais municipais e permiten garantir as prestacións básicas e a atención aos veciños e veciñas. O Plan Concertado cobre os custes seguintes:
- Persoal dos servizos sociais.
- Gastos de mantemento dos servizos sociais comunitarios.
- A prestación do servizo de Axuda no Fogar, incluíndo a prestación do servizo de Axuda no Fogar para persoas valoradas como dependentes e a prestación básica.
- A xestión e realización dos programas básicos de prevención, inserción, cooperación e fomento da solidariedade e outros destinados a intervencións comunitarias.
Investimentos: adquisición, construción, reforma, ampliación, mellora ou acondicionamento de equipamentos de servizos sociais.
Nestes días están a chegar aos concellos as resolucións deste Plan, cun recorte drástico e inxustificado nas achegas da Xunta de Galiza relativas aos gastos anteriores englobados no Plan Concertado de Prestacións Sociais Básicas, no Programa de Servizos Sociais Comunitarios e no Plan de Desenvolvemento Xitano.
Xusto cando, por efecto da crise económica, maior é a necesidade de recursos e prestacións sociais para atender ás persoas que con máis dureza están a sufrir as súas consecuencias, o PP, na Xunta de Galiza vén de suprimir e recortar as achegas que desenvolven servizos sociais básicos.
Este recorte ao Plan Concertado obriga aos concellos a facer fronte ás necesidades e programas contraídos este ano 2011 con fondos propios, o que vai afectar aos servizos sociais municipais, e ao que hai que engadir outra grave problemática: o retraio no pagamento das partidas asignadas e comprometidas. Hai que destacar que no mes de outubro os concellos aínda non recibiron da Xunta de Galiza as subvencións do Plan Concertado, cando os concellos veñen realizando o gasto desde o mes de xaneiro.
A Xunta de Galiza e o Parlamento galego, alén da incerteza do que vai pasar en 2012 e anos seguintes, deben resolver este tema de inmediato para asegurar e garantir os recursos necesarios para que os concellos sigan ofrecendo á sociedade os servizos e prestacións sociais que demanda e precisa, especialmente diante da crise económica e social que atravesamos.
Por todo isto, propoñémoslle ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
1. Instar á Xunta de Galiza á restitución inmediata dos créditos eliminados para o financiamento do Plan Concertado do ano 2011, que significou o recorte de 2,4 millóns de euros, que permitirá continuar cos programas englobados no citado plan de servizos sociais e de prestación básicas e atención ás familias e colectivos con problemas.
2. Instar á Xunta de Galiza a que nos Orzamentos do ano 2012:
- Garanta como mínimo as cantidades consignadas no 2009 para o Plan Concertado e o Programa de Servizos Sociais Comunitarios.
- Atender así mesmo á execución do Plan Especial de Atención á Comunidade Xitana e o Programa de Atención a Persoas sen Fogar, polo gran incremento sufrido.
- Restabelecer e incrementar os fondos destinados aos concellos para apoio ás familias.
3. Instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno do Estado o mantemento das cantidades que a Administración do Estado tiña destinadas o pasado ano 2010 ao cofinanciamento dos plans e programas sociais, minorados polo acordo do Consello de Ministros no mes de febreiro pasado.
4. Facultar ó Alcalde-Presidente para exercitar as accións legais que procedan en defensa dos dereitos sociais dos seus veciños/as.
Narón, 16 de novembro de 2011