MOCIÓN SOBRE OS RECORTES DO PLAN CONCERTADO DA XUNTA DE GALICIA

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Plan Concertado de Prestacións Básicas de Servizos Sociais é un instrumento fundamental de cooperación entre os Concellos, a Xunta de Galiza e a Administración do Estado, por medio do cal se cofinancian os servizos sociais municipais e permiten garantir as prestacións básicas e a atención aos veciños e veciñas. O Plan Concertado cobre os custes seguintes:

  • Persoal dos servizos sociais.
  • Gastos de mantemento dos servizos sociais comunitarios.
  • A prestación do servizo de Axuda no Fogar, incluíndo a prestación do servizo de Axuda no Fogar para persoas valoradas como dependentes e a prestación básica.
  • A xestión e realización dos programas básicos de prevención, inserción, cooperación e fomento da solidariedade e outros destinados a intervencións comunitarias.

Investimentos: adquisición, construción, reforma, ampliación, mellora ou acondicionamento de equipamentos de servizos sociais.

Nestes días están a chegar aos concellos as resolucións deste Plan, cun recorte drástico e inxustificado nas achegas da Xunta de Galiza relativas aos gastos anteriores englobados no Plan Concertado de Prestacións Sociais Básicas, no Programa de Servizos Sociais Comunitarios e no Plan de Desenvolvemento Xitano.

Xusto cando, por efecto da crise económica, maior é a necesidade de recursos e prestacións sociais para atender ás persoas que con máis dureza están a sufrir as súas consecuencias, o PP, na Xunta de Galiza vén de suprimir e recortar as achegas que desenvolven servizos sociais básicos.

Este recorte ao Plan Concertado obriga aos concellos a facer fronte ás necesidades e programas contraídos este ano 2011 con fondos propios, o que vai afectar aos servizos sociais municipais, e ao que hai que engadir outra grave problemática: o retraio no pagamento das partidas asignadas e comprometidas. Hai que destacar que no mes de outubro os concellos aínda non recibiron da Xunta de Galiza as subvencións do Plan Concertado, cando os concellos veñen realizando o gasto desde o mes de xaneiro.

A Xunta de Galiza e o Parlamento galego, alén da incerteza do que vai pasar en 2012 e anos seguintes, deben resolver este tema de inmediato para asegurar e garantir os recursos necesarios para que os concellos sigan ofrecendo á sociedade os servizos e prestacións sociais que demanda e precisa, especialmente diante da crise económica e social que atravesamos.

Por todo isto, propoñémoslle ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

1.    Instar á Xunta de Galiza á restitución inmediata dos créditos eliminados para o financiamento do Plan Concertado do ano 2011, que significou o recorte de 2,4 millóns de euros, que permitirá continuar cos programas englobados no citado plan de servizos sociais e de prestación básicas e atención ás familias e colectivos con problemas.

2.    Instar á Xunta de Galiza a que nos Orzamentos do ano 2012:

  • Garanta como mínimo as cantidades consignadas no 2009 para o Plan Concertado e o Programa de Servizos Sociais Comunitarios.
  • Atender así mesmo á execución do Plan Especial de Atención á Comunidade Xitana e o Programa de Atención a Persoas sen Fogar, polo gran incremento sufrido.
  • Restabelecer e incrementar os fondos destinados aos concellos para apoio ás familias.

3.    Instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno do Estado o mantemento das cantidades que a Administración do Estado tiña destinadas o pasado ano 2010 ao cofinanciamento dos plans e programas sociais, minorados polo acordo do Consello de Ministros no mes de febreiro pasado.

4.    Facultar ó Alcalde-Presidente para exercitar as accións legais que procedan en defensa dos dereitos sociais dos seus veciños/as.

Narón, 16 de novembro de 2011

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


Seguir este blogue

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.